
Participei nesta antoloxía de relatos que conmemoran a marabillosa cidade da Coruña, cun relato titulado ETERNO RETORNO. Breve narración que fala do caracter cíclico dos acontecementos que contextualizan á humanidade:
ETERNO RETORNO OU A AMEAZA DE ULTRAMAR
Lección de historia número N
—...Nesta época referida A Coruña, nosa Coruña, era unha cidade viva e populosa cunha importante poboación e un importante tránsito comercial, onde os coruñeses camiñaban pola vida e pola cidade acougados pola magnificencia da costa e colmados da seguridade que o ollo de Hércules lles proporcionaba; sempre expectante e fiel, fiel. Un xeito de vivir que inxectaba a estes seres a colectiva conciencia, a pegada e sinal de identidade do orgullo preciso para defender calquera causa solidaria, en pos da perpetuidade bucólica dun lugar miltoniano, dunha Arcadia perdida no recuncho onde comeza o mundo a finalizar.
Pronto demostrarían estes oriúndos da nosa Coruña que na unidade vive o segredo da consistencia; consistencia para defender as nobres e xustas causas, pois nesta época referida viviuse unha ameaza terrible que se cinguiu encol dos habitantes da Pescadería, da Cidade Vella, dos Cantóns e doutras das moitas partes do paraíso que algún ente todopoderoso esqueceu na zona norte; unha ameaza xurdida de ultramar, de alén alén do horizonte albiscado dende a liña debuxada fronte aos muros do castelo de Santo Antón.
A ameaza esta, desta época referida, capitaneada viña por un nome de dúas palabras, e arrostrada foi pola pertinente e heroica intervención condensada en outras dúas; importantísimas palabras; fulcro e peso, crucial. Dous pares de palabras que condicionaron o destino desta nosa Coruña e desta nosa Galiza. Dous pares de palabras que seguro tedes claras e presentes: alguén quere facer o favor de dicilas?
(moitas mans inzadas coa ansia propia da satisfacción dunha resposta importante)
—Ti —a profesora a un deses brazos.
—A ameaza de ultramar veu capitaneada por Francis Drake e a defensa idealizouse na rexa figura de María Pita. Os dous pares de palabras serían pois Francis Drake e María Pita.
—Non —a profesora provocando a baixada de brazos como resortes. Faces demudadas e silencio incómodo. Ninguén dicía ren.
—Os dous pares de palabras son... os dous pares de palabras son... Apostolos Mangouras e NUNCA MÁIS.
Na Coruña,
nunha aula do instituto de ensino secundario 675.
Un día de abril ou de novembro do ano 2421
J.E.Bóveda